Novas

Resumo do #Cantabileando2023 e comezo novo do curso

Boa tarde, #familiacantabile. Chega setembro e comeza un novo curso, novo repertorio, novas incorporacións… (facemos aquí unha pequena pausa publicitaria para recordar que sempre estamos na procura de novas voces, así que podedes visitarnos no noso local calqueira sábado se estades interesados ou coñecedes a alguén que queira unirse á #familiacantabile) Pero non podemos comezar o novo curso sen rememorar o noso fantástico #cantabileando2023 por terras asturianas, así que aquí vai o noso resumo.

Comezo da viaxe rumbo a terras asturianas…

A nosa viaxe comezou o primeiro día de agosto, cando partimos en bus rumbo a Colunga. Alí visitamo-lo Museo do Xurásico e exploramo-la praia de La Griega na procura dalgún que outro fósil. As lendas din que un dos nosos #pequescantabile, con espírito arqueólogo, atopou un… pero aquí as vosas blogueiras de confianza nin o confirman nin o desminten 🔎

E rematado este primer día cheo de emocións e moitas horas de bus, partimos cara o albergue de Pintueles onde nos esperaba a cea e unha tarde-noite de xogos antes de durmir.

O segundo día dirixímonos ó Santuario de Covadonga para participar na misa das 12 na Basílica. Ademáis, tivemo-lo privilexio de poder cantar o Himno á Virxe de Covadonga na Santa Cova.

Por desgraza, a néboa impediunos subir ós Lagos, pero axiña buscamos un plan B e dirixímonos á moi leal e nobre vila de Llanes, cun casco histórico impresionante. Tras pasar a tarde, voltamos o albergue para repoñer forzas e prepararnos para un terceiro día cheo de emocións.

Aventuras Acuáticas: descenso (internacional) do Sella.

Na terceira xornada da nosa viaxe agardábanos Arriondas e o descenso do río Sella. O destino quixo que a nosa aventura acuática coincidise co descenso internacional do Sella 2023, que se celebraba ese sábado, así que había moitísiiiiima xente. Feitas as extrañas parellas de canoa (e un intrépido trio formado por Inés, Romeu e Héctor), dispuxémonos a descender polo río. Aínda que houbo algún que outro pequeno accidente de carreira e acabamos todos mollados coma pitos, conseguimos chegar ó final (algúns con máis éxito que outros, todo sexa dito…).

Despóis recuperar forzas achegámonos a Ribadesella, onde aproveitamos para facer algunha compra.
Tras despedirnos do persoal do albergue de Pintueles, que nos atendeu de marabilla, puxemos rumbo a Oviedo.

Moi nobre, moi leal, benemérita, invicta, heroica e boa cidade de Oviedo.

Por se vos pareceran elegantes os títulos da vila de Llanes, Oviedo ten máis. Tras chegar a Oviedo dirixímonos ó Seminario Metropolitano, onde nos hospedaríamos durante a nosa estancia na cidade, pero antes… fixemos unha pequena visita ás igrexas de Santa María del Naranco e San Miguel de Lillo, dous emblemas do prerrománico asturiano onde Pablo, o noso querido director, coma sempre, tan ben nos fixo de guía.

Alí uniuse ó grupo Carlos, o pai de Pablo e Alejandro Ares, ó que temos moito que agradecerlle xa que a súa chegada e a do seu coche foron providenciáis!

Pola tarde dese mesmo día visitamos o centro de Oviedo e fixemos unha visita guiada, na cal coñecimos historias moi interesantes da cidade. Como xa sabedes, somos xente discreta, así que cando rematou a visita quixemos ter un pequeno agradecemento coa nosa fantástica guía, e cantámoslle… na praza da catedral. Coma dicía, xente discreta.
E como nos sobrou algo de tempo, tamén aproveitamos para visitar algún museo, degustar productos típicos ovetenses, coma as deliciosas moscovitas, ou facer fotos con Mafalda. E pola noite, xa de volta no seminario, tocaron máis xogos e diversión ata que acabamos rendidos (xa sabedes que non poden faltar as tradicionais partidas do lobo nas viaxes Cantabile 😉).

#pequescantabile, de esquerda a dereita: Paloma, Sofía, Alicia, Sabela, Sofía e Alejandro

Visita a Gijón e Museo do ferrocarril.

O peor das viaxes de Cantabile… é que todas teñen que chegar ó seu fin. Así que erguémonos cedo e preparámonos para o noso penúltimo día, no que tocaba visitar Gijón. Non se pode visitar Asturias sen degustar un dos pratos máis famosos da súa gastronomía: o cachopo asturiano, así que fomos a unha sidrería a probalo.

Tamén visitamo-lo Museo do Ferrocarril, situado no histórico barrio obreiro de Natahoyo. Tras ver a exposición e sacarnos fotos tan elegantes coma a que os deixamos a continuación, tivemos-la ocasión de poder desfrutar das xornadas de vapor, nas que puidemos montar nunha auténtica locomotora e facer unha viaxe nela!

E despóis destas aventuras sobre raís, intentamos ir á praia…

Dicimos que intentamos ir á praia, porque certamente o tempo non acompañaba… aínda que algún que outro intrépido e valeroso rapaz deuse un chapuzón. E tras isto, encargamos unhas ricas pizzas, que ben nolas merecíamos, e voltamos ó seminario de Oviedo para pasar a nosa última noite. Qué rapido pasan os días nos #cantabileando… Unha mágoa, porque quedábamos encantadísimos por terras asturianas outra semana máis!
Xogamos o noso último Lobo da viaxe mañá seguinte despedímonos de Oviedo visitando a marabillosa Catedral e o seu museo.

Todo o bo ten que rematar…

Encarábamos a nosa última etapa da nosa viaxe, así que puxemos rumbo a Cabo Peñas, cos seus enormes cantís e unhas vistas incríbles.

A nosa viaxe estaba a piques de rematar e aínda non catáramos unha auténtica fabada asturiana, non podía ser! Así que paramos no restaurante Marisol, onde comimos unha que estaba riquísima. Ademáis, o lugar era do máis pintoresco, xa que as paredes estaban repletas de centos de reloxos antigos.

Antes de partir rumbo a Coruña, pasamos por Luarca, unha preciosa vila mariñeira pola que paseamos, fomos de compras, tomamos uns xeados e onde tamén organizamos un divertido concurso de memes. En principio non era temático… máis coma acontece moitas veces na #familiacantabile, ó final o protagonista e a musa deste particular concurso non foi outro que o noso director, Pablo Carballido.

Á noitiña chegamos a Coruña, cansos e algo tristes porque unha vez máis remataba un Cantabileando cheo de emocións, compañeirismo e moita, moita diversión! Xa estamos a esperar impacientes a próxima viaxe. A onde iremos, que aventuras nos traerá…

Antes de rematar este blog e despedirnos, gustaríanos dar as grazas dende aquí especialmente a Pepa e a Belén, que fixeron posible este Cantabileando grazas á súa organización, así coma ós demáis membros da xunta directiva e a Pablo Carballido, que actuou coma director, guía turístico, animador…
E non podemos despedirnos sen anunciar que comeza un novo curso en Cantabile, con novos proxectos, novos concertos e esperamos que tamén con novas voces na nosa familia. Nos próximos días teredes toda a info nas nosas redes sociáis, máis anunciamos que abrimo-la convocatoria para novas voces. Ensaiamos todo-los sábados de 11 a 14 no noso local (Av. Hércules, 57), así que podedes vir a coñecernos cando queirades ou mandarnos unha mensaxe ó noso correo: info@corocantabile.gal
Agardámosvos!