Noticias

Un resumo do #nadalconcantabile

Bo día/tarde/noite, #familiacantabile. O Nadal é sempre unha época moi especial para nós e este ano, se cabe, todavía máis, xa que celebramos o noso Concerto de XXI Aniversario na Igrexa de San Nicolás! Pero, comecemos polo principio…

Decembro é un mes de tradicións tamén para nós así que, como cada ano, comezamo-lo Nadal cantando na inauguración do Belén Municipal no Pazo de María Pita.

Así que, dirixidos nesta ocasión polo noso querido Arsenio Keilin e tras rescatar os gorriños de Papá Noel, comezamos decembro cantando as nosas panxoliñas favoritas.

Ademáis, este ano invitáronnos a cantar no prendido de luces do Centro Comercial Cuatro Caminos, que estaba fermosísimo e ademáis o pasamos xenial.

Chegamos ó noso concerto máis especial do mes de decembro, o noso concerto de XXI Aniversario, que celebramos na Igrexa de San Nicolás. Foi un concerto moi emotivo e emocionante e, ademáis, este ano o noso director decidiu cambiar un pouco o uniforme… Os humildes administradores que escriben este blog pensan que non podiamos ir máis elegantes, mais xulgade vós mesmos, porque deixamos aquí as fotos:

O día 4 de xaneiro rematamo-los concertos navideños acompañando aos maiores da Residencia Domusvi da Cidade vella, onde pasamos un ratiño estupendo cantando cuns agarimosos e agradecidos espectadores. Ese día tivemos moita sorte, xa que o noso querido director e guía favorito aproveitou, de camiño pola Cidade Vella, para facernos de guía e contarnos cousas moi interesantes das igrexas e outros edificios da cidade. E, non só iso, senón que, como é amigo das monxas do Convento das Bárbaras, puidemos visitalas, pasar un ratiño con elas e tamén cantarlles. (Que, por certo, elas tamén cantaron e teñen unhas voces marabillosas!)

E, como non todo vai ser cantar, no Nadal tamén organizamos unha morea de actividades: decoramo-lo local, fixemos o concurso de postáis (que gañou esta postal tan rechula de Clara Morgade), intercambiamo-los agasallos do amigo invisible…

Non faltou tampouco o tradicional torneo de fútbol de Nadal no pavillón de Monte Alto (e as pizzas de despois) o torneo de billar e o amigo invisible, onde houbo agasallos do máis divertido.

E, por último, no Nadal tamén queremos apostar pola cultura e polo comercio local, así que, rematamo-las festas con outra das nosas tradicións: o bono de nadal, co que agasallamos a todos e todas as coralistas cun bono para comprar un libro en diferentes librarías da cidade. Aquí podedes ver algúns dos “tesouros” cos que se fixo a nosa rapazada!

E así foi o noso Nadal. Cheo de música, cultura, xogos, solidariedade e amizade! Moitas grazas a todo-los que nos aompañáchedes neste pasado ano 2023. Agora comezamos este 2024 cheos de enerxía e preparando novos proxectos para este ano, que ven con un montón de sorpresas…