Noticias

Rememorando o XIX Aniversario Cantabile (I)

Estamos de volta, #familiacantabile!

Sabemos que estes meses non houbo moita actividade por aquí. A verdade é que este estado de actividade baixo mínimos estase prolongando máis do que quereriamos, porque a pandemia non nos facilita demasiado o traballo, mais, en calquera caso, aquí estamos! Mentres nos preparamos para todo o que está por vir neste novo ano, querémosvos deixar os primeiros vídeos do noso XIX Aniversario, celebrado o pasado 6 de novembro de 2021 na igrexa de Santiago da Coruña. Neste concerto, exploramos repertorio renacentista italiano, francés, inglés… acompañados polo excelente ensemble In Nomine Consort e os seus instrumentos de época.

Como xa é habitual, os vídeos que vos presentamos a seguir son obra de MicroRec. Desexamos que, grazas a eles, aquelas persoas que non puidestes estar presentes no noso XIX aniversario desfrutedes coa nosa música, e que os que xa o vivistes en persoa desfrutedes tamén de rememoralo:

Amor Vittorioso
Belle qui tiens ma vie
Now Is The Month of Maying
Matona mia cara
Lachrimae antiquae
Dadme albricias

Para acceder sempre que queirades aos vídeos, tamén vos deixamos a ligazón á listaxe de reprodución na nosa canle de YouTube: https://youtube.com/playlist?list=PLdPg3Pf8hFRL_mQaaQCi8eQs6Z3gJP-7U

Para nós é unha inmensa sorte contar convosco nesta gran familia. A pesar das circunstancias, o día do noso aniversario encontramos unha igrexa chea de público, e iso é algo que nos enche de ánimos para seguir traballando. Por iso, como propósito deste ano 2022, intentaremos corresponder o voso apoio téndovos máis ao día dos nosos enredos e traéndovos moitas novidades. Veredes como axiña estamos outra vez celebrando xuntos a música e a vida!