O pasado sábado 25 celebramos, na Igrexa das Capuchinas, o noso tradicional Concerto de Solistas. Dentro da actividade formativa que leva a cabo a Asociación, o Concerto de Solistas é un fito fundamental, xa que, sae da dinámica habitual de formación coral fomentando e poñendo en práctica a aprendizaxe individual musical.
Neste concerto, Cantabile ofrece ás rapazas e aos rapaces que forman parte de coro un escenario para que interpreten e amosen ao público o aprendido durante o ano nas súas formacións individuais, ben sexan de instrumento ou de canto. Así, ano tras ano deixan mostra do seu progresivo avance. Por iso, eleximos estas data, xa co curso rematado, para realizar o concerto. A entrada ao concerto sempre é de balde e con el incrementamos a oferta cultural coruñesa, dando a oportunidade ao público de ver como traballa a familia Cantabile e de ver futuras realidades da música.
Cantaron Ana Rodríguez Rubio, que interpretou Bist du bei mir, atribuida a Johann Sebastian Bach e, de seguido, Marta López Ojea cantou Ya la Naturaleza Redimida de Manuel de Sumaya. Marta López repetiu xunto a Xiana Vázquez cantando La Barcarolla de Offenbach, Inés Carrión, con Piangerò la sorte mia, de G.F. Haendel, Noelia Saavedra, que interpretou o Final duet de Omori (versión Or3o), e as parellas compostas por Romeu Tembrás e Alejandro Carrión co Dúo de las Flores de la ópera Lakmé de Léo Delibes e Alejandro Carrión xunto con Jaime Losada que interpretaron Esurientes de J. S. Bach.
Mais non é todo canto no Concerto de Solistas. Na parte instrumental, tivemos a Mariña González, Nicolás Rodríguez e Mariana Boedo co violín. A primeira tocou o Concertino im Sitl von Antonio Vivaldi, de Ferdinand Küchler, Nicolás tocou o 1º e o 2º movementos do Concerto in G Major Op. 13 de Friedrich Seitz e Mariana, Habanera de Andrés Gaos. Tamén houbo acordeón, interpretado por Pablo Ares Otero que nos deleito con Morris Tune, de Peter Mackee e o Vals de Amelie, de Yann Tiersen.
Deleitáronnos tamén varios pianistas. En primeiro lugar, Romeu Tembrás, tocando Doctor Gradus Ad Parnassum da suite Children’s Corner de Claude Debussy, Alejandro Carrión, con Golliwogg’s Cakewalk, que forma parte tamén da mesma suite de Debussy e Gabriel Ríos, presidente da Asociación, que interpretou o Scherzo 1, de Frederic Chopin.
E houbo tempo tamén para o trombón de varas de Jaime Losada tocando Pomahc (Romance) de K. Bebep. Ademais, reforzaron o concerto os irmáns Keilin, Gregorio con Matinatta de Francesco Paolo Tosti e Arsenio, con O sole mio de E. di Capua e G. Capurro, que levantaron dos asentos ao numeroso público asistente.
Pablo Carballido, director de Cantabile, exerceu de mestre de ceremonias.
Queremos agradecer a colaboración da nosa amiga Ludmila Orlova, acompañando (e axudando) co piano aos rapaces e rapazas. Como sempre, estivo marabillosa. Brava!
Deixámosvos unha galería do concerto. Informaremos a través das nosas redes sociais cando a gravación estea dispoñible na nosa canle de You Tube.