Novas

Concerto de solistas 2021 – parte 2

Ola de novo! Como prometemos, aquí está a segunda parte dos vídeos do concerto de solistas que celebramos o pasado 12 de xuño. Xa vos dixemos que nós estabamos con moita gana de música, así que aínda vos faltan por ver 9 actuacións. Vamos!

Continuamos co dúo de Romeu e Alejandro Carrión ao piano, interpretando dúas gavotas de J. S. Bach a catro mans. Tamén ao piano, mais cunha peza de estilo totalmente diferente, sorprendeunos Gabriel, facendo que toda a sala contivese o alento na súa interpretación do Preludio en Do # menor de Rachmaninov.

A seguir, Samuel interpretou ao bombardino a Fantasia de Gordon Jacob, unha peza moi exixente tanto para el como para a nosa pianista acompañante, Ludmila Orlova. A pesar da dificultade, foi un éxito!

A volta a calma chegou coa elegante Romanza n.º 3 de Schumann, intepretada ao óboe por Alejandro Pecorelli.

A tarde continuou cunha serie de cantantes, algúns xa experimentados, outros caras novas para o noso público habitual: os tenores Martín Yáñez e Pablo Castiñeiras e a soprano Inés Carrión.

Contra o final do concerto, Romeu púxose novamente fronte ao piano, esta vez en solitario, para impresionarnos coa súa impecábel interpretación do Nocturno Op. 54 de E. Grieg.

A seguir, unha desas cousas que só se lle poden ocorrer a Pablo Carballido: subir a Romeu, Jaime e Alex a cantar o trío dos xenios da ópera Die Zauberflöte (a frauta máxica) ao retablo da igrexa. Desde logo, era un bo sitio para proxectar a voz!

Por último, seguindo coa mesma ópera, Inés e Antón emocionáronnos coa súa interpretación do dúo de Papageno e Papagena. Non só cantaron fenomenal, senón que ademais escenificaron a peza ao milímetro, con toda a complicidade. O público, por suposto, aplaudiu a rebentar!

En definitiva, agora xa podedes comprender porque estamos tan felices co resultado deste concerto. Foi unha tarde realmente emocionante e sentímonos moi afortunadas por contar con este marabilloso grupo de valentes artistas (e por suposto, do resto de integrantes do coro, que estiveron apoiando desde o público e virtualmente aos seus compañeiros e compañeiras!). Esperamos que desfrutedes destes vídeos tanto coma nós do directo e atención ás redes, porque axiña nos veremos nos próximos concertos, #familiacantabile!