A IV edición do evento solidario Trezeluzes celebrouse o pasado 15 de setembro nunha gala na Finca Montesqueiro de Oleiros na que conseguiu recadar máis de 170.000 euros destinados integramente á Fundación Meniños, entidade sen ánimo de lucro especializada na protección da infancia e a adolescencia.
Durante o evento o público asistente poxou por determinados artículos doados por persoeiros do mundo do deporte, da arte e a cultura, ademais de diversas experiencias.
O evento conta cada ano con mestres de ceremonias, embaixadores excepcionais e a participación de varios chefs. Nesta ocasión os embaixadores foron as atletas olímpicas Belén Toimil e Antía Jácome, o deseñador Roberto Verono, o artista urbano Diego As, os actores Carlos Blanco e Serxio Pazos, a creadora téxtil Idoia Cuesta, o cirurxán Diego González, o piloto Sergio Vallejo e o ex baloncestista Fernando Romay. Os mestres de cerimonias foron Xosé Touriñán e María Mera, que tamén son embaixadores. Outro dos embaixadores nesta ocasión foi o músico Carlos Núñez que, ademais, formou parte dos artistas que animaron o evento.
Carlos Núñez quixo contar co Coro Cantabile para a súa actuación e alí fomos a participar. Carlos, como habitualmente, estivo moi cariñoso coa rapazada de Cantabile, axudándoos a participar no evento e moi pendente a eles e elas en todo momento.
Un orgullo para o Coro Cantabile participar neste acto sendo como somos coñecedores do fantástico traballo que a Fundación Meniños fai a prol da infancia e da mocidade e un pracer e un orgullo que Carlos Núñez conte novamente connosco. Anunciounos, ademais, que non será a última así que xa estamos con ansia agardando o novo proxecto para o que ten a Cantabile en mente.
Grazas, Carlos. Fantástico profesional e excepcional persoa. Desexando afrontar máis proxectos xuntos.