Novas

Inicio do #veráncantabile

Boas e calorosas tardes #familiacantabile!

Esperamos que esteades a ter un inicio de verán tan marabilloso coma o noso! Pola nosa parte, non esaxeramos cando dicimos que o remate do curso escolar foi acompañado de incribles experiencias que procedemos a narrar a continuación coa elegante prosa que nos caracteriza.

En vésperas da Noite de San Xoan, e como estabamos un pouco tristes porque este ano non fariamos a nosa tradicional cacharela na praia de Riazor, decidimos ir ó Museo de Belas Artes para visitar a exposición adicada a Pablo Picasso. Desfrutamos dun marabilloso percorrido guiado no que tivemos-la posibilidade de coñecer máis sobre este artista formado na mesma Coruña.

Os nosos #solistascantabile xunto a Ludmila e Pablo.

Días máis tarde, e como xa é costume, celebramos o noso tradicional Concerto de Solistas, no que os nosos coralistas interpretaron pezas de Händel a Rimsky-Korsakov. Ademáis, contamos coa nosa querida Ludmila Orlova ó piano. Sen dúbida, un modo ideal de rematar o mes de xuño.

Comeza xullo, e non tivemos mellor forma de celebrar as altas temperaturas e os días de sol que coa Noite das Candeas, o noso tradicional concerto nocturno no que á luz das candeas celebrado no noso segundo fogar: a Igrexa das Capuchinas.
Nesta ocasión o repertorio, adicado a W. A. Mozart, contemplou tres dos seus fermosos nocturnos e unha selección de números da súa Misa de Réquiem. Foi un pracer para nós poder interpretar este marabilloso programa, o cal levamos xa traballando máis de un ano. Esperamos que dentro de moi pouco poidades escoitar esta fermosa misa na súa totalidade nos nosos concertos!

#cantabileenconcerto na Noite das Candeas
A #familiacantabile, entrando moi
ordenadamente na Praza de Lugo :))

Xa para rematar, recentemente cantamos na Praza de Lugo con motivo do Orgullo 2023, onde interpretamos pezas coma “Can´t help falling in love” ou “Goodnight sweetheart” . Encántanos poder seguir participando neste evento un ano máis, aportando o noso graniño de area a toda a comunidade LGTBI+. Ademáis tivemo-la sorte de coñecer ó Coro Coruña Cores, formado recentemente e dirixido polo noso querido Pablo M. Carreira.

Como podedes ver, foi un inicio de verán cheo de experiencias apaixonantes, e esperamos que esa sexa a tónica xeral dos próximos meses, xa que temos por diante o noso esperado Cantabileando 2023: Asturias.

Desexámosvos un moi feliz verán, a poder ser cheo de música, e vémonos moi pronto #familiacantabile 🙂