Estamos de volta, #familiacantabile! Sabemos que nestos últimos tempos non houbo moita actividade no blog, así que aquí vos traemos toda a actualidade.
Nos últimos meses puxémonos mans á obra para preparar o noso XX(+1) Aniversario, o cal celebraremos este ano cunha das nosas obras favoritas: o Réquiem de Mozart. Os que asisitides con regularidade ós nosos concertos seguro que xa escoitáchedes algún número. Non podemos resistilo, e ímos facendo pequenos spoilers…
O mes de maio comezou co tradicional Curso de Canto, onde a nosa rapazada traballou técnica vocal co noso fabuloso director e mestre de canto, Pablo Carballido. Despois de tres semanas de duro traballo, os nosos #pequescantabile pecharon o curso cun fermoso concerto celebrado na Igrexa das Capuchinas. Como diría Pablo, estiveron todos braaaaaavisimos.
Tamén fomos visitar o fermoso mosteiro de Santa María de Oia para poñer música a outra das nosas #vodascantabile. Cantamos, comimos un churrasco boísimo… e tamén tivemos tempo de facer unha pequena excursión e visitar un dos monumentos máis coñecidos de Baiona: a Virxe da Rocha. Na nosa opinión, non ten nada que envexarlle ó Cristo do Corcovado.
Ademáis, tivemo-la sorte de poder poñer música á xornada “Presente e futuro da industria Aeroespacial”, organizada polo Consello Social da UDC e celebrada no Palexco a finais do mes pasado. Non puidemos estar mellor acompañados, xa que contamos coa presencia dos nosos amigos do Cuarteto Alicerce e con Arsenio Keilin ó piano.
Xa para rematar, queremos comunicarvos un anuncio moi importante! Como xa sabedes, #cantabilenonpara, e precisamente por iso estamos á procura de novas voces para poder ofrecervos un concerto de aniversario á altura.
A corda que máis precisa da vosa axuda é a de tenores, aínda que se aparece pola nosa porta algunha alto, tampouco imos rexeitalas… Non temos dúbida que calqueira de vós podería cumprir unha función fundamental nas nosas filas. Por iso, se sintes paixón pola música, gústache cantar e queres formar parte desta #familiacantabile, (ou coñeces a alguén disposto ou disposta…) Non o dubides e contacta connosco! Podes ter por seguro que teremos os brazos ben abertos para darte a benvida nesta aventura!
Vémonos moi pronto, #familiacantabile!