Boas #familiacantabile. Procedemos a actualizar o blog, esta vez cun resumo de finais do 2024 e os inicios do novo ano.
Comezamo-lo mes de decembro cun pequeno agasallo para todos vós, para desfrutar das festas con boa música, subindo a Spotify o noso traballo Vinde ve-lo neno! Nadal con Cantabile. O disco, que gravamos con moita ilusión no ano 2013, recolle arranxos coráis dalgunhas das panxoliñas galegas máis coñecidas. Coma a admin xa aprendeu a incrustar ligazóns sen romper o blog, deixámosvos aquí abaixo a playlist para que a desfrutedes 🙂

Tamén participamos, coma xa é tradición, na inauguración do Nacemento artístico Municipal do Concello. Nesta ocasión, por cuestións de axenda, Pablo non puido dirixir así que, baixo a batuta de Antón, cantamos: Vamos Cantando, Panxoliña da sorrisa da Virxe e Adeste Fideles.
Ademáis, o nacemento desta edición estivo cheo de música, e non só pola nosa parte, xa que este ano engadiuse a figura de Sito Sedes, un dos grandes vocalistas de Galicia e cantante de Los Satélites durante máis de dez anos.
Temos que destacar tamén outra actividade importantísima: as elfas do Nadal decoraron o noso local para as festas!


Para rematar o mes de decembro, fixemos o noso tradicional Concerto de Nadal na Igrexa de San Nicolás. Pechamos o ano co Gloria de Vivaldi e, alén diso, tamén interpretamos para a ocasión algunhas panxoliñas.
Ademáis, para este concerto tan especial, colaboramos coa Cociña Económica, facendo unha recollida de alimentos non perecedoiros.
Falando do resto de actividades que fixemos estas festas… o concurso de postáis tivo este ano como gañadora esta que vedes aquí, feita por Alejandro Carrión.
Coma todo-los anos, dende a Asociación tamén quixemos darlles un pequeno agasallo ós nosos coralistas (que ben o merecen, porque traballan moito durante todo o curso): un bono cultural para gastar nalgunhas das librarías da cidade.
Como podedes ver, foi ben empregado.


Para comezar o 2025 celebramos o tradicional partido de fútbol de Nadal e mais o torneo de Billar. E non podían faltar tamén, obviamente, as pizzas no local.

Tamén visitamos ós nosos veciños do Centro de día de Montealto, cos que pasamos unha mañá xenial compartindo música e historias.
Por último, á volta das vacacións tocou recoller a decoración de Nadal do local e intercambiamo-los agasallos do amigo invisible.
Comprácenos anunciar que o amigo invisible de Pablo Carballido, claramente unha persoa sen medo ó exito, decidiu agasallar ó noso director cun pequeno megáfono o cal, sen dúbida, será empregado con mesura, precaución e estritamente só cando a situación o requira, xa nos coñecedes 😇 …
