Novas

XX Aniversario e o Nadal Cantabile

Xa por definición o Nadal é unha época chea de tradicións e, no caso de Cantabile, moito máis este ano ao unirmos o tradicional concerto de Nadal na igrexa de San Nicolás á tamén tradición de celebrar con música os aniversarios.

E non era una data calquera. Así, o 29 de decembro, celebramos o noso XX Aniversario cun concerto de Nadal, organizado coa colaboración do Concello da Coruña. Foi unha celebración moi emotiva, especialmente para o noso querido director Pablo Carballido que se reincorporaba logo dunha pequena pausa para recuperar forzas. Contamos coa axuda de Maria Keilin durante esta etapa para a formación do coro.

O coro interpretou un repertorio de Nadal, acompañado polo Cuarteto Alicerce, composto por Jorge Montes e Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (violoncello) e Arsenio Keilin ao piano, con panxoliñas populares de orixes diversas e outras obras de compositores como Handel, Mozart, Mendelssohn, Berlioz e outros.

Mención aparte merece a presenza no programa de Alberto Miguélez Rouco, recente Premio Ópera Actual 2022 ao artista novo máis prometedor, contratenor e membro da familia Cantabile que nos deleitou interpretando O Thou that tellest do Mesías de Handel.

O concerto rexistrou unha grande entrada con moitos e moitas excoralistas que non deixaron pasar a oportunidade de saúdar aos membros do coro actual.

Pero non foi este o único acto do Nadal. O director da Banda Municipal de Música da Coruña, Romero Llopis, contactou con Cantabile para unha colaboración no Concerto de Nadal da Banda que se celebrou o 18 de decembro nun ateigado Teatro Colón. A relación foi fructífera e quedamos emprazados para futuras colaboracións.

Tamén participamos, como é xa tradición, na inauguración do nacemento artístico do Pazo de María Pita, que cumpriu os 30 anos nesta ocasión homenaxeando a Ramón Pérez Costales, benefactor de Pablo Picasso na súa etapa na Coruña.

Con estas tres actuacións pechamos o ano. A súa preparación impediunos aceptar outros compromisos para os que fomos solicitados.

Organizamos tamén para a rapazada do coro, que ben o merecen despois dun longo ano de traballo, algunhas actividades, moitas tradicionais e outras novidosas. Por terceiro ano consecutivo entregamos os bonos culturais para que merquen produtos culturais en librarías de proximidade; organizamos tamén o tradicional partido de fútbol con pizza posterior e entrega dos agasallos do amig@ invisible. Como novidade, organizamos o primeiro torneo de billar. Organizamos tamén un concurso de postais de Nadal con grande calidade nas propostas que recibimos. Logo dun duro debate na Xunta Directiva, moi lonxe da unanimidade, resultou gañadora a postal enviada por Carlos Puig Vales.

Aínda que non é unha actividade nosa, si que queremos compartir que Turismo Coruña decidiu apostar polo Coro Cantabile como música para o seu vídeo promocional da cidade para a campaña de Nadal.

Estade atentas á nosa canle de YouTube xa que iremos publicando os vídeos do concerto do XX Aniversario. Nos nosos perfís de redes sociais anunciaremos as publicacións.

A partir de agora, toca preparar o Requiem de Mozart.