Novas

Cantabileando 2022. Cuenca – Godelleta – Valencia

Toda a viaxe aguantando a respiración. Despois de tres anos, logo dunha pandemia, era unha responsabilidade organizar unha viaxe. Aos problemas habituais que poden aparecer (e apareceron) engádese a COVID. Que pasa se unha persoa se contaxia? Pode continuar a viaxe se os síntomas llo permiten? Multitude de preguntas asomaban ante a multitude de circunstancias que se podían dar.

Afortunadamente, a COVID non apareceu. Si apareceron outras enfermidades e incidencias que fomos solucionando a medida que aparecían.

Mais era necesario asumir os riscos. Despois de tres anos inmersos (con poucas excepcións) na rutina de ensaio – concerto, cumpría convivir. A convivencia é o pegamento do coro. As anécdotas, as partidas de lobo, os audios de Pablo Carballido no autobús, cantar nos restaurantes nas viaxes son o lubricante que fai funcionar as engranaxes de Cantabile.

Así que, como é habitual, o pasado día 31 de xullo partimos do Aquarium Finisterrae cara o noso primeiro destino: Cuenca.

Por desgracia, vaise facendo cotiá que as vagas de calor sexan cada vez máis prolongadas. Isto foi o que aconteceu na nosa viaxe o que nos obrigou a facer un uso intensivo de piscinas. Comezando pola do Hostal Isis, nas proximidades de Cuenca, onde chegamos o mesmo día 31. Antes, parada no camiño para comer.

Ao día seguinte, iniciamos o día cunha visita a Cuenca, patrimonio da humanidade. Visitamos a Catedral, as casas colgadas, plaza Mayor, varios miradores, puente de San Pablo, etc.

Despois de comer, novamente subimos ao autobús na procura do noso destino definitivo: Godelleta (Valencia). Sorprendeunos a choiva no medio do camiño.

Marabillosas as instalacións de Godelleta. Trátase dunha escola de educación ambiental xestionada por Salesianos. Fomos estupendamente recibidos e disfrutamos das instalacións e dos coidados de Paco, Maricarmen e o resto do persoal que se empeñaron desde o primeiro momento en que nos sentísemos como na casa.

Logo de tomar posesión das instalacións, da piscina, o futbolín, a mesa de pingpong e os xardíns, aínda tivemos tempo de facer un ensaio preparatorio do concerto do día seguinte.

Ao día seguinte, xa en Valencia, visitamos L’Oceanogràfic. Despois de comer na Casa del Tapeo, lugar moi recomendable, visitamos a Catedral e a capela que custodia o Santo Cáliz. Como non podía ser doutro xeito, cantamos. Despois desta visita dirixímonos á Real Basílica de Nuestra Señora de los Desamparados, santuario da Virxe dos Desamparados, patrona de Valencia. Alí, cantamos na misa e ofrecemos, a continuación, un pequeno concerto. Converteuse nun concerto moi emotivo, pola grande afluencia de xente e a interpretación, ao remate da misa, do himno á Virxe dos desamparados. As persoas asistentes achegáronse a nós emocionadas para agradecernos a interpretación do himno.

Logo da cea en Valencia, regresamos a Godelleta.

Ao día seguinte, tocaba disfrutar das instalacións de Godelleta. Paseos polos xardíns, piscina, xogos… O día rematou co grande Alberto, que organizou un “Caso Cerrado” sobre unha relación familiar bastante turbia, coa colaboración de varios expertos na materia, como o doutor Hásper Matozoide, a doutora Ágata Zanahorio e os padres Zacarías e Jeremías. Ocasión perfecta para sacar o talento da xente de Cantabile para unha noite que rematou con moitas risas.

Pasado o ecuador da viaxe, á mañá seguinte tocaba visita ao Biopark en Valencia. Pola tarde, debido á calor, pedímoslle a Adrián Raposo que nos fixese un City Tour no autobús. Grazas a el, puidemos facernos unha idea xeral da cidade de Valencia. Pola noite, xa en Godelleta, avanzamos na coreografía para o vídeo da viaxe.

E chegamos xa ao penúltimo día da viaxe. Tocaba visitar o parque natural de L’Albufera. Grazas ás explicacións de Voro no paseo na barca puidemos entender o funcionamento deste ecosistema. Os máis vellos rememoramos a famosa serie de TVE Cañas y Barro. Os máis novos, non sabían de que falábamos. Non podíamos deixar o Levante sen probar as augas do Mediterráneo, así que nos diriximos á praia de El Saler para facelo, antes de comer unha paella en El Palmar. As visitas que tiñamos previstas para a tarde tiveron que suspenderse por un problema mecánico no autobús, perfectamente solucionado por Adrián. Ao día seguinte tiñamos que volver e a reparación do autobús era unha actuación prioritaria. Pola noite ceamos en Godelleta, e xogamos as últimas partidas ao Lobo. Había que deixar as maletas preparadas xa que o camiño do día seguinte sería moi longo.

O último día, tocaba viaxe Godelleta – A Coruña, 935 km. Moito cansanzo acumulado e as últimas risas. Paramos a comer en Villacastín e aproveitamos a última parada en Vega de Valcarce para despedir a Adrián e gravar parte da coreografía da viaxe. Chegamos ao Aquarium e, aínda que pasaran tres anos, o mesmo que no resto das viaxes, volveron as apertas e as bágoas de despedida lembrando o intensamente vivido nestes días.

E desde ese día xa, preparando #Cantabileando2023.