Novas

Fin de curso 23/24 e #veráncantabile

Boas, #familiacantabile! Tras unhas merecidas vacacións, voltamos a este o noso blog para contarvos as novidades dos últimos meses. Comezando polo mes de maio, este ano celebramos o Día das Letras Galegas, adicado á coruñesa Luísa Villalta, cun fermoso concerto no que houbo música, máis tamén poemas recitados polos nosos coralistas.
Ademáis tamén tivemos a oportunidade de participar no Día Internacional dos Museos, celebrado en Santiago de Compostela, xa que fomos invitados polo Museo das Peregrinacións a dar un pequeno concerto nos soportáis da Praza das Praterías.

Coro Cantabile, Santiago de Compostela. Maio 2024

Coma non todo vai ser cantar, no mes de xuño celebramo-lo tradicional Concerto de Solistas. Poderedes dicir que carecemos de parcialidade (e estaríades no certo), mais non podemos estar máis orgullosos e felices de poder gozar do traballo, talento e esforzo dos incribles artistas da nosa #familiacantabile.

En xullo “re-estreamos”, por así dicilo, unha obra moi especial para Cantabile. Alá polo ano 2007, cando Cantabile só tiña cinco aniños de vida, embarcámonos no proxecto de gravar un disco adicado á música sacra coral de Antonio Vivaldi [disco que podedes atopar na nosa fabulosa conta de Spotify. Se non a seguides aínda, non sei a que estades a esperar, certamente… :)]. Entre outras obras, naquel momento gravamos o Gloria RV. 589.
Este ano non regravamos o Gloria, mais si fixemos varios concertos interpretando a obra. O primeiro na Igrexa de Santiago no pasado mes de xullo, onde tivemos a sorte de estar acompañados por uns músicos de excepción (ós que ademáis temos moito cariño): Enrique Iglesias e Ángel Marote ós violíns, Gregorio Keilin ó cello, o noso querido Alberto Miguélez no órgano e Alejandro Pecorelli co óboe.

No mes de xullo tamén fixemos o noso Cantabileando 2024, esta vez por terras galegas e portuguesas.  Por primeira vez estivemos aloxados nun camping e foi unha experiencia que nos encantou. Estivemos 5 días nos que fixemos de todo: visitamos o Monte de Santa Tegra, cantamos o Gloria de Vivaldi na igrexa de S. Francisco de Tui, xogamos ao noso xogo favorito, o lobo, e, en definitiva, desfrutamos todos xuntos de momentos moi divertidos (como esquecer o morcego de Pablo en Valença!…)

#Cantabileando24´

Á volta da viaxe esperábannos os ensaios da Bohème co noso #teamparpignol, os máis peques do coro. Foron días de moito traballo, pero o resultado foi fantástico e a experiencia incrible!

E ata aquí o resumo destes últimos meses. Agora comezamos o novo curso a tope cos novos proxectos para o vindeiro 2025.

Pd: buscamos xente, coma todo-los anos. Setembro, campaña de captación de novas voces, blablabla… xa sabedes 🙂 Se queredes unirvos á #familiacantabile, podedes enviarnos un correo a: info@corocantabile.gal